Mércores, Novembro 13, 2024
Sin categoría

COMEZO da LNB TEMPORADA 2018-2019

     O sábado 1 de setembro comeza a temporada 2018-2019 na LNB. A Conferencia Rías Baixas inicia esta andaina que rematará o último domingo de maio de 2019 coa proclamación dos Campións e Campioas Nacionais LNB 2019. Un camiño que ten como obxectivo manter vivo un deporte tradicional marabilloso que foi transmitido de xeración a xeración, polo menos, desde a Idade Media ata os nosos días. Daquela…
Adiante co Varal !

Billarda Sempre !

MERCADO DE FICHAXES
        A poucas horas do cerre do mercado na LNB, os equipos do Norleste son os que máis se están reforzando. Así, nunha operación complexa, desde as perspectivas contractuais e financieiras, Ekipa Bítere, Remourelle Bulls e Carabullo chegaron a un acordo que pon patas arriba a Conferencia Norleste, e con consecuencias para a xerarquía de Corredoiras como dominadores da LNB nas dúas últimas temporadas. 
          Difícil de explicar as operacións de inxeñeiría económica que tivo que facer o equipo da Terra Chá, Carabullo, para solucionar a situación do teito salarial, pois deixaron marchar a Tomás (Campión Nacional de Varados 2018), traspasado a un equipo suizo, con opción de recompra pasado un ano, para, deste xeito, poder afrontar as fichaxes de Manu Caldeiro e Chousa. Ao mesmo tempo, ficharon a unha promesa que vén das categorías inferiores de Pardiñas. 
         Pois ben, para que Chousa e Manu chegaran a Ponte de Outeiro, o seu equipo Remourelle Bulls, esixía cubrir os seus postos con palanadores de nivel. Aquí é onde entrou Ekipa Bítere, quen sacrificou a súa franquicia histórica nacida no 2005. Deste xeito, Flores e Xermán, os líderes do EKI emigran a Remourelle para reforzar outra das franquicias históricas, e quen sabe se para facerlle revivir un título de Conferencia que conseguiron na temporada 2008-2009. 
Vemos a Xermán na súa intervención nunha radio nacional explicando os motivos de tan complicada decisión, pero ao mesmo tempo, mostrouse moi alegre por iniciar unha nova aventura, agora nun equipo que vai aspirar ao título.

        Outra nova, esta vez na Conferencia Noroeste, sen confirmar, polo de agora, é a fusión “nuclear” de COCHIQUEIROS e MALPICA. O que si podemos asegurar é que as negociacións xa se iniciaron. 
        Desde a Conferencia Rías Baixas afirman que non precisan reforzar nada, dado que os resultados da temporada pasada nas Finais LNB así o confirman. 
         Seguiremos informando sobre calquera novidade de última hora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *