Xoves, Novembro 7, 2024
Sin categoría

ABERTO INDIANO crónica 2018-07-07

       Xa temos a información sobre o Aberto de Quimbumbia (nome do xogo da billarda en Cuba) que se celebrou no Parque de Indianos de Ribadeo. Magnífica participación, sobre todo, na categoría infantil. Foron 8 persoas menores de 14 anos as que asombraron a indianos e nativos coas súas mañas e, especialmente, coa súa ilusión por coller un palán na man. Que mellor xeito de transmitirlles ás novas xeracións un xogo marabilloso e que forma parte do noso patrimonio lúdico que aproveitando o programa de actividades do Ribadeo Indiano 2018 que organiza o Concello da Mariña. Excelente traballo da ADC O Varal, que un ano máis leva a billarda ás rúas (neste caso ao Parque de Indianos).
       O podio estivo ocupado por grandes figuras da LNB como Daniel, Manu Pozo e David Navallo. Ademais, participaron outros xogadores históricos da LNB como Jorge Galdo, Miguel, Xermán e Mondoñedo.
      Foron 22 participantes en total, dos que 3 foron mulleres. Vestidos con branco celestial, estes herdeiros e herdeiras daqueles emigrantes que decidiron buscar a súa vida máis aló do Atlántico regresaron a Ribadeo para contaxiar ao público, que encheu os arredores do parque, co ritmo sudamericano no andar e no vestir, e cos sons dos montes galegos representados no bater de madeira contra madeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *