Venres, Abril 19, 2024
Sin categoría

REMOURELLE última xornada CONFERENCIA NORLESTE

       Xornada épica na emblemática pista de Remourelle. A vitoria foi para “o Canariño do Castro”. Pasaron 13 anos e 10 meses desde o primeiro triunfo (11 de xullo do 2004) nun aberto de billarda de Xermán. Desta vez non vestía de marelo nin xogaba para os Fungueiros de Lourenzá. Nesta ocasión non derrotou a David nin a Ismael (grandes mitos da época prehistórica da LNB). Tampouco se levou o Palán de Verán. O sábado 11 de maio, simplemente, abriu a gaiola, meteu dentro o Coello de Suso e deixou coa boca aberta a tod@s @s presentes. 
        Se Austria foi a sorpresa do Festival de Eurovisión ao quedar primeira, segundo a votación dos xurados, Viluba rebentou as apostas vencendo a dous rivais moito mellor clasificados ca el, como son Noé e Daniel. Dicían os máis veteranos que esa tarde nin o Zidane da Billarda (Ismael) nos seus mellores tempos, tería derrotado ao do Castro. Como se estivera posuído pola axilidade e velocidade do lepórido, dou un tras outro, uns golpes definitivos que conquistaron Remourelle. 
        A expectación máxima estaba posta en que equipo se clasificaría para a Final LNB. Dous puntos separaban a Chaínzos-Cadaval de Troitas Bravas. O que ninguén poñía en dúbida era o posto de finalista de Carabullo. Mais a billarda é marabillosa e, así como nunha carreira entras en dous golpes, na seguinte nin en cinco es quen de superar o varal. Así, Chaínzos mantivo a distancia con Troitas, pero Carabullo púxolle emoción ata a última carreira, coa puntuación máis baixa de toda a temporada. Os números 1 de cada un dos equipos rendiu moi por debaixo do seu potencial. Charly partía como líder, con 12 puntos de vantaxe sobre Manu Pozo, pois ben, despois das catro primeiras carreiras o de Billardeiros sacáballe 8 ptos ao de Carabullo. Isto significaba que se o de Ribadeo facía 5 ptos na última carreira e o de Ponte de Outeiro non puntuaba o título acabaría no norte de Lugo. Como fixera o ano anterior nesa mesma pista, o Nadal da billarda, fixo un varado que lle serviu para conseguir o título e para subir ao podio final na categoría de Varados. Unha carreira final que semellaba preparada polos guionistas de DHOGS. Que cada quen analice onde puido estar a clave. Nós queremos deixar algunha reflexión sobre o particular. A presión da alta competición fai desestabilizar aos máis serenos e pacientes xogadores. Palanadores dos máis tranquilos como Charly, Pepe Outeiro e Regueiro sufriron o mal de altura: mareos e tremores nas mans ante a proximidade da meta. Aviso para todos e todas, a Final LNB 2018 está próxima!
        Rematada a temporada as prazas estan repartidas. Non houbo sorpresas, pero si emoción. A renuncia de Rubén fixo que a última praza da Categoría Individual necesitara dun desempate a dúas carrerias entre Jorge e Luís Ares. Na Categoría de Varados houbo unha decena de golpes de desempate ata que Tomás logrou superou o varal. Quedaron fóra David Navallo, Isma e Manu Pozo.

Campión de Conferencia     CHARLY Carabullo 
                2º…………………………….Manu Pozo Billardeiros Musicais
                      3º…………………………………..Daniel Billardeiros Musicais
Campioa Feminina              GENI Billardeiros Musicais

                     2ª…………………………………..Paula Chaínzos-Cadaval



                              3ª……………………………………Lorena Chaínzos-Cadaval


Campión Varados                 SANTI Carabullo

              2º ………………………………….Markytos Billardeiros Musicais



                       3º …………………………………..Charly Carabullo


Campión Infantil   Manu Caldeiro Remourelle Bulls
CAMPIÓN EQUIPOS 



BILLARDEIROS MUSICAIS


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *