|
Conferencia Norleste |
Penúltima xornada na Conferencia Norleste en Ponte de Outeiro (Castro de Rei). Como establece o código ético da LNB as dúas últimas xornadas de liga deben disputarse unificando o horario da comida de todos os equipos participantes, para que non haxa posibilidade de adulterar os resultados deportivos con dietas supervitaminadas. Así, coas mesmas proteínas, lípidos e hidratos de carbono, a familia LNB Norleste enfrontou as esixentes condicións do campo de Ponte de Outeiro.
A vitoria foi para o Coroceiro Nacional, Markytos, quen semella estar nun estado óptimo para o seu gran reto de rivalidar título, algo que ninguén conseguíu desde a creación da LNB. Regueiro e Manu Pozo agarráronse ao podio como lactante á teta. Lola Eiras ganou en féminas e Billardeiros en equipos. Sumados os ptos as clasificacións están que arden.
|
MARKYTOS |
|
REGUEIRO MANU POZO |
|
LOLA EIRAS |
|
GENI BEA |
|
BILLARDEIROS MUSICAIS |
Na Categoría de Equipos o título está practicamente decidido, e irá un ano máis para Ribadeo. O segundo chanzo do podio final estará ocupado por Carabullo que este ano si lle puxo as cousas complicadas aos músicos da billarda, mais non vai ser quen de sustituílos no primeiro posto final. O terceiro posto do podio, e última praza para a Final LNB 2018, terán que disputala en Remourelle, Chaínzos-Cadaval e Troitas Bravas. Ademais, co sistema de competición desa última xornada, pensamos que non serán os números 1 e 2 de cada equipo que decidirán cos seus ptos a sorte final, senón que van ser xogadores de mitade de táboa para abaixo quen serán decisivos. En definitiva, vai ser unha xornada digna de televisar. O país LNB estará pendente do desenlace.
Charly revalidará Título Individual Absoluto, pois son 12 ptos de vantaxe sobre Manu Pozo e 17 sobre Regueiro. O podio final estará entre estes dous últimos e Asterix da LNB, Daniel Rodríguez, que está detrás de Regueiro a só 5 ptos de distancia. Na Categoría Feminina, o podio está moi definido. Geni xa é campioa, un ano máis, Paula será segunda e Lorena terceira. Na Categoría de Varados, Santi ten unha vantaxe de 2 sobre Markytos, e 3 sobre Regueiro, Charly e Pepe Outeiro, polo tanto, ten o título encamiñado. Non obstante, cos rivais que ten detrás non pode fiarse e debería facer algún varado para asegurar o título.
Faltarían por asegurarse 4 prazas de finalista, que son as que de momento ocupan Cortón, Geni, Alvariño e David Navallo. O primeiro palanador que aparece fóra dos postos de finalista é Coedo, quen está a 7 ptos do límite que marca Navallo. El sería o que tería algunha posibilidade de acercarse, xa que, tanto Luís Ares como Jorge deberían esperar unha milagre. De todos os xeitos, deberían esforzarse e dalo todo, pois na billarda… nunca se sabe! Ademais, está a renuncia de algún dos clasificados. Na individual feminina, cremos que quedaría unha praza en xogo, que é a que ocupa Lola Eiras. Lucía e Bea están tan preto da de Pol que poderían asaltar a súa posición.
|
A herba de Ponte de Outeiro está cortada coa precisión da dentadura dun rabaño de ovellas do Isma. |
|
As ovellas trabaron máis na herba en algunha das zonas. Vemos como Milio aproveita para situar a billarda precisamente no lugar onde o gando ovino meteu máis os dentes. |
|
As bancadas estiveron ateigadas de bandullos satisfeitos de degustar o churrasco de Casa Alvariño. Coméntase que do rabaño de ovellas de Isma que se encargaron de cortar a herba para que o terreo de xogo quedase en óptimas condicións, desapareceron varios exemplares. |