O PIRUVARADO
Se o pirogravado é unha técnica de debuxo que consiste en queimar un soporte, sexa madeira, papel ou cartón, cun pirogravador, o PIRUVARADO é unha técnica de golpeo da billarda que permite lanzala directamente cara á boca do varal desde a liña de saída.
Agora que semella rematar a temporada de pavillóns, presentamos os datos históricos dunha especialidade de golpeo moi apreciada no mundo da billarda. Esta é o VARADO. Palabra creada pola LNB para definir a acción coa cal a billarda entra no varal utilizando un único golpe, e sempre que a billarda estivera situada detrás da liña de saída. Así, temos unha base de datos con todos os resultados das xornadas LNB desde que se recollen en actas.
A negra barba de Piru encabeza a clasificación histórica con folgura. Só el, Xan Rodiño e Daniel Rodríguez poderán nas vindeiras temporadas acercarse a cifras bicentenarias. Os demais deberán competir unha decena de anos máis, polo menos. Facendo comparación co mundo do boxeo, hai palanadores especialistas en KO e palanadores con golpeo menos potente e máis preciso. Deste xeito, vemos como os que ocupan as cinco primeiras posicións son xogadores de KO, cunha dilatada traxectoria na LNB. Tanto, Xan Rodiño, Daniel Rodríguez, Luís Camiña como Markytos teñen un Título Nacional nesta categoría de Varados, o que indica que están os que son. Por detrás veñen a enorme velocidade dous palanadores, que tamén levan o KO nos seus paláns, como X. Collazo e Ricar, que teñen unha traxectoria máis curta que os cinco magníficos, non obstante, presentan números de posto 5, e dentro dunhas cantas temporadas alcanzarán a tan soñada centena de varados.
Salientar a Bego, quen con 31 varados é a única muller que podería optar ao Título Nacional da Categoría. Despois aparecen todos aqueles que fixeron na súa traxectoria deportiva vinte ou máis varados. Moitos destes xogadores xa non están en activo, como Iván López, Cristián Puente, Xoro, Ginés Rodríguez, Eric, Rubén Otero, Chupi, Andrés Rodríguez, Roi Morís, Hugo, Balea, Luís Enrique, Basilio, Iván Puente e Xosé Miguel, pero que forman parte da historia recente da billarda e teñen un lugar destacado no Alboio da Fama da LNB.