FIN DE SEMANA PREVIA AO DÍA DAS ESTRELAS
Xa temos as primeiras informacións sobre o Día das Estrelas LNB 2018 que este ano será organizado pola Conferencia Rías Baixas. Tivemos acceso ao deseño dos trofeos que se poñerán en xogo. Tanto pola mañá nos concursos, como pola tarde no Aberto das Estrelas, entregaranse uns magníficos trofeos artesanais valorados en perto de 500 euros. Despois de varios meses de traballo en dous talleres artesanais, un da provincia de Pontevedra e outro da provincia da Coruña, os froitos empezan a agromar. Chegáronnos as primeiras fotografías do proceso de elaboración. Ademais, quen gane o Aberto obterá praza directa para a Final LNB do 27 de maio en Compostela. Motivos suficientes para acercarse a Poio, ao Estadio Nacional de Billarda da Seca, o 17 de marzo. Todo comezará ás 12 h., segundo nos comunica o equipo local, Armadiña.
Antes deste evento de repercusión planetaria temos as xornadas LNB desta fin de semana. O sábado 10 de marzo xogará a Conferencia Rías Baixas en Barrantes. Esta xornada de Barrantes ten unha particularidade moi chamativa. Desde que se celebrou a primeira xornada LNB en 2013 nesta localidade do Salnés, sempre se xogou en pavillón debido ás inclemencias meteorolóxicas. Esta característica vese acentuada polo feito de que outros abertos de billarda que se organizaron fóra da liga en Barrantes si se xogaron no exterior. Abaixo vense os podios de cada ano. Os bloques das paredes do pavillón sempre aparecen de fondo das fotos.
O domingo 11 de marzo haberá xornada na Conferencia Noroeste. Programaron esta xornada en Laxe para aclimatarse a xogar á beira do mar e, deste xeito, preparar a conciencia o Aberto das Estrelas. Sabemos de boas fontes que o sábado 17 de marzo ás 9:30 h, un autobús partirá desde terras de Bergantiños en dirección ás Rías Baixas para visitar o Campo Nacional de Billarda da Reiboa. Ademais de xogadoras e xogadores, moitos seareiros desas terras altas baixarán para experimentar esa sensación sagrada de visitar o único campo de billarda existente no noso país. Golpearán a Pedra da Billarda, coma se do santo dos croques da catedral de Compostela se tratase, que é o símbolo deste deporte tradicional e desta terra granítica. A pedra está chantada a xeito de Excálibur no terreo de xogo. Hai que aproveitar, pois, polo de agora, a visita a este lugar mítico non está restrinxida a un número determinado de persoas nin se cobra por fotografarse ao lado da Pedra da Billarda.