LNB nos medios de comunicación
Os medios de comunicación escritos están informando sobre a LNB coma nunca antes. Necesariamente a sociedade debe saber que este deporte tradicional chamado Billarda está vivo para poder practicalo. Daquela, xa nos inicios da LNB, aló pola temporada 2006-2007 (2ª temporada LNB), @s iniciador@s desta aventura tiñan na súa mente o obxectivo de conseguir que os medios de comunicación informarán desta actividade. Durante esa temporada El Progreso informou dos resultados. Agora, once anos despois estamos no mellor momento de información sobre a Billarda.
Na actualidade, todas as conferencias teñen cobertura nos xornais, ademais, a Radio Galega informa cada fin de semana no seu programa de máxima audiencia, Galicia en Goles, dos resultados de todas as Conferencias LNB (podedes oír os audios neste blog, marxén dereito etiqueta GALICIA EN GOLES). Tamén, a Cadena Ser, A Mariña, emite unha crónica sobre a Conferencia Norleste os martes no seu programa de deportes comarcal.
Abaixo aparecen os xornais que informaron das últimas xornadas LNB en cada Conferencia. As evidencias afirman que se están facendo moitas cousas ben para recuperar, conservar e practicar a Billarda. Tantas persoas dedicaron e dedican parte do seu tempo a difundir este xeito de relacionarse con alegría e entusiasmo:
“E que de min non quede máis que a alegría
de quen pediu xogar e foille concedido”.