CRÓNICA 2ª XOR CONFERENCIA NOROESTE CHORÍS
PARTICIPACIÓN
35
MULLERES
4
HOMES
31
De novo unha participación fenomenal en Carballo. Hai que valorar na súa xusta medida estes datos de participación, pois nas dúas primeiras xornadas houbo unha media de participación de 35 persoas, cando o ano pasado a media final foi de 29. Polo tanto, este é o camiño para estender este xogo marabilloso pola provincia da Coruña. Vemos na foto de abaixo unha xogadora que se estreou na LNB, Cruz. Non paran de agromar palanadores e palanadoras da Masía de Paiosaco.
BEGOÑA (Filloas de Sangue) |
CRUZ (Campo da Feira) |
Os resultados da xornada confirman dúas evidencias, que Oscar Ponte e Edu son dúas alternativas ao dominio de Collazo e que Campo da Feira está preparando unha potente escadra para optar ao Título Nacional (Collazo, Edu, Carlos, Oscar Ponte, Juan Carlos e Xulio) ou, polo menos, para non traer de novo a Billarda de Ferro que acredita ao equipo último clasificado no PLAY OFF LNB.
APB Santa Marta, tamén chamado o equipo Menstruación, segue aumentando o seu cadro de xogadores con carne moza. Tres novos xogadores debutaron na LNB. Cando estes xogadores adquiran a experiencia necesaria será un equipo máis forte. Vemos como tinguen de sangue a pista de Chorís.
A sorpresa agradable da xornada, ademais do triunfo de Oscar Ponte, foi a actuación de Edu. Este palanador irregular e imprevisible ten un talento que só é quen de aproveitar en ocasións coma a de Carballo, onde había feira. Por outro lado, a temperatura favorecía os intereses do xogador con pel curtida baixo o tórrido sol dos invernos de Paiosaco. De todos os xeitos, o seu trofeo está retido polos servizos xurídicos da LNB, xa que, o de Campo da Feira negouse a pasar o control antidoping que deben pasar todos os xogadores que suben ao podio.
EDU (Campo da Feira) |
Sen lugar a dúbidas, o enfrontamento entre Berdillo e Collazo foi o máis destacado da mañá. Víronse os paláns en semifinais e o de Cerceda non tivo piedade, ou mellor dito, deberiamos dicir que o de Paiosaco tivo demasiada piedade, pois na primeira carreira sempre tivo vantaxe despois dun bo golpe inicial. Mais , o cochikeiro só tivo que esperar que Collazo fallase os seguinte golpes para no cuarto ganarlle a carreira. Así, co factor psicolóxico a favor, Berdi, liquidou en dous golpes a segunda carreira e eliminou ao líder actual e gran favorito para o Título de Conferencia e un dos candidatos á Coroza Nacional.
BERDILLO (Cochikeiros) |
COLLAZO (Campo da Feira) |
Deste modo quedan as clasificacións despois de 2 xornadas disputadas (consultade clasificacións completas na etiqueta da dereita: 2017-2018 NOROESTE)