Agora que se disputou a décima edición da Copa Cantábrica é boa ocasión para lembrar a curta historia da LNB. Podemos afirmar con rotundidade que aquela iniciativa de recuperar a práctica da billarda para o noso país está consolidada.
Aquí abaixo podemos ver a evolución do número de persoas que foron participando nesta tola aventura chamada LNB. As dúas primeiras temporadas, 2005-2006 e 2006-2007, a competición estivo reducida á terra do seu nacemento, a Mariña de Lugo. A partir da temporada 2007-2008 outros territorios do país adoptaron o proxecto LNB como propio e empezou a espallarse a práctica deste modelo de competición. Así, naceu a Conferencia Noroeste (A Coruña e arredores), na temporada 2007-2008.
A puxanza no número de practicantes aumentou definitivamente cando o Sur (2008) entrou na LNB. Pouco despois, incorporouse a zona Centro (Santiago e arredores), na temporada 2009-2010. Deste xeito, desde a temporada 2008-2009 os e as practicantes foron en aumento ata rabuñar o teito dos 500 practicantes.
A última etapa desta evolución está sucedendo na actualidade. Coa desaparición das Conferencias Centro e Sur e o nacemento da Conferencia Rías Baixas o panorama actual da LNB reflicte unha división clara Norte-Sur. No Norte está a Conferencia Nai, que é a Norleste, e a Conferencia Noroeste . Estas son as máis antigas. No Sur está a Conferencia Rías Baixas, a máis nova.